Feijóo subliña que o investimento poderá ampliarse con achegas adicionais grazas á colaboración público-privada
Explica que se pretende consolidar a pegada do Polo para abordar grandes retos como o ecolóxico, a transformación dixital ou o demográfico
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a licitación para seleccionar entre 4 e 8 empresas tractoras que desenvolverán programas conxuntos de I+D durante os próximos 5 anos dentro da Estratexia Aeroespacial 2025.
Para levar a cabo esta iniciativa, explicou, a Xunta destinará 40 M€, aínda que tal e como puntualizou a intención é ampliar o investimento con achegas adicionais froito da colaboración público-privada, tanto a través da atracción de fondos europeos como da participación privada.
Sobre este punto, Feijóo salientou que deste xeito o que se pretende é consolidar a pegada do Polo co obxectivo de abordar grandes retos como o ecolóxico, a transformación dixital ou o demográfico.
Nese sentido, cómpre salientar que, para chegar a estes acordos, a Xunta xa deseñou un modelo de colaboración público-privado no que a fórmula empregada será a licitación de compra pública precomercial para desenvolver tecnoloxías disruptivas que contribuirán á atracción de máis empresas e é indispensable para crear un ecosistema de Galicia.
Por último e con respecto aos pregos de licitación, subliñou que contemplan unha etapa de peche financeiro, no que tanto Xunta como licitadores poderán comprometer máis fondos de cará á captación dos Next Generation.