Contacto: · ris3.gain@xunta.gal

UNHA VISIÓN COMPARTIDA
DA GALICIA QUE QUEREMOS SER

Require da participación activa, consensuada e continuada dos diferentes axentes

A FERRAMENTA CLAVE DA PARTICIPACIÓN

O desenvolvemento da RIS3 2021-2027 baséase nun amplo proceso participativo e inclusivo que busca a colaboración de todos os axentes claves de Galicia. Empresas, centros de coñecemento públicos e privados, Administración e cidadanía -a chamada “cuádrupla hélice” da innovación- convértense en protagonistas da elaboración da Estratexia.
Este diálogo aberto e de construción conxunta, no que se involucraron máis de 700 axentes, permitiu establecer unha priorización para unha especialización intelixente e sustentable, identificando as tendencias, desafíos, oportunidades e nichos de prioridade sobre os que pivotará o investimento en I+D+i de Galicia nos próximos anos.
Desenvolvéronse entrevistas con responsables de diferentes departamentos e organismos da Administración galega e con axentes do ecosistema e realizáronse cuestionarios en liña, mesas participativas e focus group para abordar temáticas transversais así como reunións con grupos de expertos.

MESAS DE TRABALLO PARTICIPATIVAS

As mesas do denominado Proceso de Descubrimento Emprendedor (PDE) constituíron o instrumento de base para identificar os ámbitos de prioridade de especialización intelixente da RIS3 a través das achegas dos diferentes axentes do ecosistema galego de I+D+i. Os participantes, seleccionados en función das áreas de oportunidade definidas no diagnóstico, contribuíron ao proceso coas súas propostas e opinións de forma aberta.
Repartidas en tres sesións que se desenvolveron de forma lineal, organizáronse 18 mesas de traballo participativas en torno a temáticas e cadeas de valor.

1ª Rolda das mesas

7 e 9 de xuño de 2021

Centrouse en consensuar os resultados preliminares do diagnóstico e en identificar os posibles nichos de oportunidade.

2ª Rolda das mesas

16 e 22 de xuño de 2021

Traballouse nun nivel máis detallado, en torno a dez cadeas de valor a partir das que se identificaron nichos de oportunidade e delimitáronse un conxunto de obxectivos que serviron para definir as prioridades e os ámbitos de priorización para cada unha delas.

3ª Rolda das mesas

14 e 15 de xullo de 2021

Contrastáronse os resultados obtidos nas mesas anteriores en catro sesións paralelas que permitiron involucrar aos participantes nas sesións previas.

FOCUS GROUPS

Desenvolvéronse cinco grupos focais temáticos para debater en torno a cuestións comúns aos diferentes campos científico-tecnolóxicos e cadeas de valor e que requirían dunha abordaxe específica pero transversal.

Os grupos focais constituíronse como un instrumento complementario ás mesas participativas para contrastar, afondar e validar os contidos da Estratexia. Centráronse en investigación; retos sociais e igualdade; innovación e emprendemento; formación; e transferencia da I+D+i.

Validación de expertos

No proceso de elaboración da Estratexia contamos ademais co apoio de órganos consultivos e grupos de expertos nacionais e internacionais, que nos permiten contrastar e validar os resultados obtidos e aportar recomendacións de mellora.

Celebramos reunións co Consello Económico e Social de Galicia, co Grupo de expertos RIS3 e co Consello Asesor Internacional RIS3 Galicia que, coa súa visión, contribuíron a enriquecer a Estratexia.

Recolleuse a experiencia e coñecemento dos axentes, contrastouse e complementouse con sesións de traballo, entrevistas e cuestionarios; desenvolvéronse tres sesións de mesas participativas temáticas, por cadeas de valor e transversais nas que se definiron os nichos a priorizar, as misións (obxectivos) a acadar en cada un; contrastáronse os resultados co apoio de expertos e, con esta base, iniciouse a redacción do documento da Estratexia.
Administración

Administración

Representantes de Consellerías, organismos autónomos e diferentes departamentos do Goberno galego.
Centros de coñecemento

Centros de coñecemento

Universidades, centros de investigación e tecnolóxicos, axentes de xeración de coñecemento e tecnoloxía, investigadores, etc.
Empresas

Empresas

Asociacións empresariais, grandes empresas tractoras, pemes, startups, emprendedores.
Sociedade

Sociedade

Asociacións de consumidores, agrupacións de pacientes, fundacións sanitarias, colectivos profesionais, representantes de traballadores...