O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela na presentación do informe ‘A innovación aberta en Galicia’, realizado pola Fundación Cotec
Avoga por seguir incrementando o investimento público en busca dun maior compromiso do sector privado para situar a Galicia como un referente en mecanismos innovadores
Asegura que os fondos europeos Next Generation suporán unha oportunidade idónea para transformar o modelo de crecemento e reindustrializar a economía na próxima década
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021. O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá na Cidade da Cultura ao acto de presentación do informe A innovación aberta en Galicia, realizado pola Fundación Cotec, onde se puxo de manifesto a importante trasnformación do sistema galego de innovación nos últimos tempos. Neste sentido, Conde asegurou que a Xunta seguirá traballando para que esta innovación chegue a todas as pemes e se universalice entre o tecido empresarial galego para gañar en competitividade.
Desde 2014, a innovación en Galicia medrou case o dobre do ritmo da media española –unha de cada catro empresas investiron en innovación–, conseguindo avanzar 34 postos en Europa e, a nivel estatal, pasando de ser a 11ª rexión española a ser a oitava. Un crecemento que foi posible, tal e como apuntou Conde, á cooperación entre todos os axentes do ecosistema de I+D+i –administracións, universidades, centros tecnolóxicos ou clústeres– co sistema empresarial, permitindo que moitas pemes, micropemes e autónomos puidesen innovar nos seus produtos e procesos.
A Compra Pública Innovadora (CPI) –coa que, en pouco máis dunha década, Galicia executou proxectos por máis de 250M€– ou fórmulas como as Unidades Mixtas de Investigación, as Business Factory ou o Polo Aeroespacial son algunhas das iniciativas que explican a mellora nos índices de innovación na comunidade. “O noso obxectivo é axudar ás industrias máis tradicionais a evolucionar cara a unha economía máis innovadora, ao mesmo tempo que promovemos sectores de tecnoloxía media alta como o aeronáutico ou o biotech”, indicou.
Por iso, Galicia aposta por seguir incrementando o investimento público buscando un maior compromiso do sector privado para situar a Galicia como un referente en mecanismos innovadores en transferencia e comercialización de resultados de I+D+i, e tamén en estruturas e novos modelos de cooperación como son os Hubs de Innovación Dixital.
Durante o seu análise do informe da Fundación Cotec, Francisco Conde tamén quixo poñer a mirada no futuro facendo alusión aos fondos europeos, Next Generation, que suporán unha oportunidade idónea para transformar o modelo de crecemento e reindustrializar a economía na próxima década.
A través de 355 proxectos –248 públicos e 107 privados– e un investimento estimado próximo aos 20.000M€, Galicia fixa tres obxectivos claros na súa estratexia para ditos fondos: impulsar a colaboración público-privada; involucrar ás pequenas e medianas empresas; e facer da I+D+i un elemento transversal.