Incide en que esta primeira fase permitirá despregar as infraestruturas necesarias, do polo, como un simulador e un computador cuántico ou un sistema de computación de altas prestacións
“O obxectivo é axudar ao progreso do noso tecido produtivo e investigador e apoiarnos nesta panca para a transición dixital”, di
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha achega de 11,6 millóns de euros para poñer en marcha a primeira fase do Polo de Tecnoloxías Cuánticas con aplicacións na medicina, biotecnoloxía, aeronáutica ou telecomunicacións.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que esta primeira fase permitirá despregar as infraestruturas necesarias, do polo, como: un simulador e un computador cuántico; un sistema de computación de altas prestacións; e un sistema de almacenamento exclusivo para computación cuántica que estará no Centro de Datos do Cesga. “O obxectivo é axudar ao progreso do noso tecido produtivo e investigador e apoiarnos nesta panca para a transición dixital”, explicou.
Ademais, resaltou que a instalación no Cesga do supercomputador Finisterrae III axudará tamén a poñer en marcha o polo. Non en van, trátase dunha ferramenta na que se investiron 7 millóns de euros entre o Goberno galego e o CSIC, con capacidade para resolver 4.000 billóns de operacións matemáticas por segundo; é dicir, con 12 veces máis capacidade que o seu predecesor, o Finisterrae II.
Finalmente, o presidente da Xunta concluíu a súa intervención agardando que o proxecto do Polo de Tecnoloxías cuánticas, que implicaría un orzamento de 154 M€, poida beneficiarse de fondos europeos Next Generation.