- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinala que todos os esforzos como Eurorrexión teñen que estar centrados “en sumar capacidades e talento”
- Destaca as posibilidades en eidos como a mobilidade do futuro, a enerxía do mar, a industria agroalimentaria, a biotecnoloxía ou o Camiño de Santiago
- No marco da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza (RIS3T), desenvolvéronse 1309 proxectos que permitiron captar 598,2 millóns de euros de financiamento europeo, mobilizando 670,7 millóns de euros
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou, no segundo foro da RIS3 Transfronteiriza A innovación Galicia-Norte de Portugal ante os novos retos, as oportunidades para consolidar a colaboración e traballar no desenvolvemento a ambos lados do Miño dun polo de innovación conxunto, que faga a Eurorrexión punteira en eidos como a mobilidade do futuro, a enerxía do mar, a industria agroalimentaria, a biotecnoloxía e o fomento do envellecemento activo, ou a nivel turístico, en torno ao Camiño de Santiago.
Conde sinalou que todos os esforzos como Eurorrexión teñen que estar centrados en sumar capacidades e talento, en plena transición ecolóxica e dixital, e, neste contexto, sinalou que a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3T) é unha folla de ruta moi sólida para encarar conxuntamente este escenario. Un traballo no que colaboraron máis de 1500 axentes de innovación de Galicia e Norte de Portugal que participaron nos diferentes grupos de traballo e nos 14 talleres de capacitación e conferencias que se convocaron. No período 2014-2020 desenvolvéronse 1309 proxectos que permitiron captar 598,2 millóns de euros de financiamento europeo, mobilizando 670,7 millóns de euros.
O vicepresidente económico sinalou que Galicia e a Rexión Norte de Portugal comparte con Galicia a necesidade de contar cun ecosistema de innovación consolidado e aberto ás necesidades do tecido produtivo. E, a este respecto, indicou que en Galicia ese esforzo vai dando os seus froitos, e así, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística publicados a pasada semana, o investimento en I+D na Comunidade medrou un +2,3%, un punto máis que a media estatal (+1,3%). Alcanzáronse os 641,7 millóns de euros, que supoñen o nivel máis alto de toda a serie histórica. Consolídase así un crecemento ininterrompido desde 2014, cando eran 477,3 millóns de euros. No tempo no que se desenvolveu a RIS3 Transfronteiriza (2014-2020), o investimento en I+D en Galicia medrou un 34,4%, máis de 10 puntos por enriba da media nacional (+23%).
No acto, no que tamén estivo presente o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida, o vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional da Rexión Norte de Portugal (CCDR-Norte), Beraldino Pinto, fixo fincapé en que os avances e resultados alcanzados no ciclo de políticas que agora remata son un estímulo para que a Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal continúe cunha estratexia de especialización intelixente conxunta, marcando, unha vez máis, positivamente o mapa ibérico y europeo de cooperación territorial.
Apuntou tamén que na estratexia da Eurorrexión para 2021-2027 e no seu plan de investimentos conxuntos, se renova esta aposta, asumindo as novas bandeiras da política de cohesión, a dixitalización e a descarbonización da economía, a transición enerxética e as alteracións climáticas. Ademais, subliñou que é importante reforzar a cooperación empresarial e a interacción das empresas da Eurorrexión co sistema de investigación e desenvolvemento dando máis músculo de innovación ao tecido produtivo, reforzando a súa competitividade e orientando estes instrumentos de financiamento para o apoio e a implementación da RIS3 Transfronteiriza.