O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe á presentación do proxecto Facendo 4.0, liderado por Stellantis Vigo xunto co CTAG, Aimen, Gradiant e a Universidade de Vigo
Cun investimento total de 22,3M€, Facendo 4.0 é un proxecto orientado ao desenvolvemento da fábrica do futuro, que inclúe unha ambiciosa estratexia de electrificación de cara ao próximo lustro e prevé a creación de 50 postos de traballo
Conde subliña que a transferencia de coñecemento é unha constante que fai da automoción galega, co Grupo Stellantis á cabeza, un referente en innovacións relacionadas co vehículo do futuro: eléctrico, autónomo e conectado
Vigo, 20 de outubro de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe o alcance do proxecto que lidera Stellantis Vigo xunto con CTAG, Aimen, Gradiant e a Universidade de Vigo, para seguir avanzando no vehículo eléctrico, que conta cunha achega da Xunta de 12,2M€ no marco do programa Fábrica Intelixente e Sostible.
Facendo 4.0 é dunha iniciativa, cun investimento total de 22,3M€, que está orientada ao desenvolvemento de procesos, produtos e sistemas que dirixan a factoría viguesa cara á fábrica do futuro e que inclúe unha ambiciosa estratexia de electrificación de cara ao 2025. Neste proxecto sete pemes galegas e permitirá a creación de 50 postos de traballo.
A través do programa Fábrica Intelixente e Sostible da Axencia Galega de Innovación (Gain), a Xunta achega un 54% do investimento previsto. Un programa do que xa se convocaron catro edicións nas cales se apoiaron 24 proxectos en diferentes sectores que mobilizaron investimentos por valor de 272M€.
Conde destacou que a automoción é un sector no que se fai efectiva a transferencia de coñecemento a toda a cadea de valor polo peso que ten esta industria no conxunto da economía galega, un 15% do PIB, que é o que desencadea ese efecto tractor. Segundo dixo, a transferencia de coñecemento é unha constante que fai da automoción galega, co Grupo Stellantis á cabeza, un referente en innovacións relacionadas co vehículo do futuro: eléctrico, autónomo e conectado.
O vicepresidente económico puxo de relevo o traballo feito polo sector neste eido e asegurou que, en consecuencia, neste contexto de transición cara a unha industria máis dixital e sustentable non parte de cero. Parte como número un en produción en toda España, apuntou, pois preto dun 22% do que produciu esta industria en 2020 a nivel nacional corresponde á planta de Vigo.
Conde salientou a visión de unidade coa que o sector está afrontando o contexto actual, tal e como queda reflectido no proxecto AutoAncora. E, ao respecto, volveu insistir en que Galicia está aberta ao diálogo para defender que esta iniciativa sexa incluída no Perte da automoción, porque é clave para manter a competitividade do sector en Galicia.