A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, aprobou a convocatoria do novo programa Conecta Hubs, ao que destinará 6,8M€ co obxectivo de ofrecer financiamento a proxectos de I+D+i colaborativos que encaixen nas áreas estratéxicas dos dous Hubs galegos de innovación dixital que xa foron seleccionados. Prevese apoiar ao redor de 10 iniciativas que poderían mobilizar 18M€.
Os proxectos, que se desenvolverán a través da cooperación entre pemes principalmente, deben dar resposta aos obxectivos da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia e estar aliñados cos retos do Programa Europa dixital: informática de alto rendemento, intelixencia artificial, ciberseguridade e confianza, competencias dixitais avanzadas e despregamento e mellor uso das capacidades dixitais e interoperabilidade.
O programa contará con dúas liñas segundo a tipoloxía de proxecto. Por unha parte, apoiaranse actuacións de investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación en proceso e organización. Esta liña contará con axudas de entre o 15 e o 80 % —dependendo do tamaño da empresa– ata un máximo dun millón de euros. A segunda liña está destinada a proxectos de innovación en produto e recibirá apoios do 80 % ata un máximo de 400.000 euros. Ademais, poderanse realizar pagamentos anticipados de ata o 75 % da axuda concedida. En ambas as liñas os proxectos teñen que agrupar entre dúas e seis empresas. No caso da primeira liña tamén pode participar unha grande empresa sempre e cando exerza un efecto tractor no proxecto e cunha participación limitada.
Á hora de seleccionar os proxectos terase en conta, como criterios de valoración, a súa excelencia, a proposta de implantación e o potencial impacto tecnolóxico e socioeconómico.
Con este novo programa, a Xunta avanza tanto na consolidación dos Hubs de innovación dixital como instrumento para facilitar a transición dixital das pemes galegas, como na especialización do tecido produtivo galego, mellorando deste xeito a súa competitividade, o que reforzará a capacidade da economía galega para afrontar a recuperación a través da xeración de riqueza e emprego de calidade.
Conecta Hubs complementa as axudas da Xunta para impulsar os Hubs de innovación dixital, como os 200.000 euros que se achegaron para a posta en marcha de cada unha das dúas iniciativas seleccionadas —DIHGIGAL, no eido da transformación dixital da industria dirixida ás cadeas de valor da automoción, alimentación, naval, TIC, téxtil, pedra, forestal e aeronáutica; e DATAlife, para as cadeas de valor da biotecnoloxía, saúde, forestal, agroalimentación e mar-industria–; ou os 13M€ da convocatoria dos centros de fabricación avanzada, con que se apoiarán tres infraestruturas —a Cidade das TIC, o Polo loxístico, e o Centro biotecnolóxico- relacionados cos Hubs. Proximamente sumarase unha nova liña para o financiamento de proxectos de I+D en materias relacionadas coa covid-19.
O novo programa permite ademais dar un novo paso na Estratexia galega de Hubs de innovación dixital, ao impactar no sistema de innovación e favorecer o crecemento socioeconómico de Galicia, xa que supón continuar a evolución cara a un modelo produtivo baseado no coñecemento e na innovación; facer accesible a dixitalización a todas as pemes galegas; estimular a creación de emprego cualificado; incrementar o peso da actividade industrial sobre o PIB galego; facer de Galicia un destino atractivo para os investidores; concentrar e atraer talento, e situar Galicia nunha posición de vantaxe competitiva.
FONTE: Axencia Galega de Innovación