Unha destas liñas de apoio vai destinada, especificamente, a impulsar a eficiencia enerxética no sector, cun orzamento de 2,4M€ para que as empresas dedicadas ao envasado de augas naturais e os balnearios poidan adquirir novo equipamento enerxético
Pantón (Lugo), 22 de febreiro de 2022. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta vai investir este ano 28,5M€ para impulsar a eficiencia enerxética, o autoconsumo e a xeración de renovables a través de diferentes liñas de axuda que pon, tamén, á disposición do sector termal e das augas mineiro-medicinais.
Así o avanzou nun encontro en Pantón (Lugo) con representantes desta industria, onde concretou que unha destas liñas de apoio vai destinada a impulsar a eficiencia enerxética, cun orzamento de 2,4M€ para os sectores produtivos galegos, onde este ano cobran especial protagonismo as empresas dedicadas ao envasado de auga mineral e os balnearios, que poderán adquirir novo equipamento enerxético.
Por outra banda, unha segunda orde de axudas ten por obxectivo apoiar proxectos de autoconsumo eléctrico e almacenamento entre particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións, cun investimento de 17,2M€. E, xunto con isto, a Xunta activará en marzo unha terceira liña de apoios por valor de 8,8M€ para desenvolver proxectos de xeración térmica nos sectores produtivos.
Na súa intervención, Conde recoñeceu que o termalismo é un recurso endóxeno en Galicia, desestacionalizador da oferta turística e favorecedor do desenvolvemento das zonas rurais naqueles lugares onde se desenvolve a súa capacidade como industria. Apuntou, de feito, que se trata dun sector que xera un volume de negocio en torno aos 60M€ e 1400 empregos directos en Galicia, onde se localizan máis de 300 captacións de augas mineiro-medicinais e 20 centros de balneoterapia que ofertan case 2900 prazas de aloxamento, nun 67%, de catro e cinco estrelas.
O vicepresidente económico subliñou que o termalismo é unha fonte de saúde, de identidade e de negocio, que xera actividade empresarial e, polo tanto, emprego, ademais de contribuír a fixar poboación nos concellos do rural. Unha industria en auxe pola importancia que está cobrando o turismo de saúde e sustentable.
Nese sentido, salientou que Galicia ten no termalismo unha oportunidade para seguir afondando nunha industria máis sustentable, paradigma do novo modelo de crecemento, polo que avogou por apostar por este gran activo turístico que ten Galicia como destino.