O prazo para apuntarse á terceira convocatoria comeza hoxe e manterase aberto ata o 3 de decembro
O obxectivo desta aceleradora é apoiar ata 40 empresas e crear 120 postos de traballo, a través dun investimento de 1,9M€
Conde apela á inclusión do proxecto AutoAncora no Perte de automoción para garantir a competitividade deste sector estratéxico
Vigo, 6 de outubro de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe a transcendencia da aceleradora High Tech Auto para completar a cadea de valor da industria do automóbil en Galicia e contribuír a captar e reter talento. A iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia co Consorcio Zona Franca de Vigo e a Fundación Incyde, abre hoxe mesmo a súa terceira edición e o prazo para apuntarse a esta nova convocatoria manterase aberto ata o 3 de decembro.
Tal e como sinalou Conde, trátase da primeira incubadora de alta tecnoloxía de Galicia para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía a micropymes do sector da automoción e a industria auxiliar.
Con respecto ás pasadas convocatorias, o vicepresidente económico puxo en valor os progresos alcanzados ata o momento, logrando que 10 proxectos estean xa en fase de academia grazas á primeira edición e 13 iniciativas se atopen en fase de incubación como consecuencia da segunda. Así, indicou que o obxectivo da High Tech Auto é apoiar ata 40 empresas e crear 120 postos de traballo, a través dun investimento de 1,9M€.
Ideas todas elas que contribuirán a definir a mobilidade do futuro que, tal e como apuntou Conde, presenta varios retos como son a sustentabilidade –para conseguir cero emisións–; a dixitalización –para avanzar no vehículo eléctrico, intelixente e autónomo–; e a seguridade. “Son aspectos que nestes momentos necesitan respostas e seguir avanzando para dar esas solucións tecnolóxicas e innovadoras para que Galicia poida seguir na vangarda do sector da automoción”, asegurou.
Así, apostou por continuar pola senda do traballo conxunto, ao mesmo tempo que reclamou a inclusión de AutoAncora –iniciativa posta en marcha por Stellantis Vigo, a industria auxiliar de compoñentes e o centro tecnolóxico CTAG, co apoio da Xunta– no proxecto estratéxico para a recuperación e a transformación económica (PERTE) da automoción anunciado polo Goberno a través dos fondos europeos, para garantir a competitividade deste sector en Galicia.
“Esperamos que o Goberno acerte establecendo criterios que permitan que o proxecto AutoAncora en Galicia poida ser elixido e, polo tanto, que eses investimentos que se están a expoñer por parte do sector realmente teñan acollida nos fondos europeos e o PERTE anunciado polo Goberno”, indicou.