Un tecido de la e fibra de proteína láctea, un recubrimento condutor para calefactar superficies, un aceite vexetal con propiedades beneficiosas e un biopavimento alternativo ao asfalto convencional foron os catro materiais seleccionados no certame que hoxe se clausurou en Ferrol no CIS Tecnoloxía e Deseño
Os 80 materiais participantes quedan incorporados á exposición de mostras da Materioteca de Galicia no CIS Tecnoloxía e Deseño e no seu fondo dixital
Ferrol, 3 de novembro de 2021. A Axencia Galega de Innovación (Gain), a través da Materioteca de Galicia, celebrou hoxe no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol o acto de peche do I Certame de Materiais Innovadores de Galicia. A sustentabilidade e a orientación á economía circular foron a nota común nos catro materiais seleccionados entre as 80 candidaturas presentadas por profesionais da artesanía, empresas, centros de coñecemento e consorcios mixtos investigación-empresa.
Durante o evento, que coincidiu coa celebración do Día Mundial dos Materiais, a directora de Gain, Patricia Argerey, felicitou a todos os participantes polo carácter innovador das súas propostas e pola súa achega para responder a retos globais como o desenvolvemento económico sustentable.
Argerey asegurou que a Xunta de Galicia está a facer unha aposta decidida polos novos materiais, en especial desde a posta en marcha da Materioteca de Galicia en 2019. Co obxectivo de dar a coñecer as capacidades, coñecemento e o esforzo innovador realizado neste ámbito por empresas, centros de coñecemento e profesionais da artesanía galegos, o Goberno galego convocou a primeira edición do Certame de Materiais Innovadores de Galicia que hoxe se clausurou.
Tal e como sinalou a directora, o obxectivo inicial de captar 50 propostas viuse superado cun total de 80 materiais que se incorporan agora á Materioteca, ampliando así significativamente a diversidade de mostras expostas no CIS Tecnoloxía e Deseño e recollidas no seu fondo dixital, de libre acceso en formato dixital.
Materiais seleccionados
Na categoría artesanal, o material seleccionado foi D-Leite, un tecido de la meiriña e fibra de proteína láctea ecolóxica creado por Inés RIR & Co Diseño Textil Artesano, coa intención de ser totalmente sustentable pola procedencia das fibras, ambas as dúas con orixe en recursos naturais que constitúen hoxe en día un residuo.
Este tecido está a ser comercializado en forma de mantiñas para bebés, aínda que xa se exploran novos usos coma as persoas maiores con trastorno mental, polos seus efectos reconfortantes.
O recubrimento condutor térmico e eléctrico creado polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) foi o material distinguido na categoría de investigación. Trátase dun material de confort concibido para o interior de vehículos de transporte, pero que tamén é aplicable a mobiliario ou téxtil. As súas propiedades permiten lograr superficies calefactadas e funcionais, sexa cal sexa a base sobre a que se aplica (tecido, plástico, madeira, cerámica…). O seu carácter sustentable radica no aforro de enerxía, xa que permite unha sensación de confort con menos temperatura, e de compoñentes, dado que se pode prescindir de tubos de calefacción ou radiadores.
Na categoría empresa, foi destacado o aceite vexetal Peroxibiokey, formulado pola startup biotecnolóxica KeyBiological. A súa fórmula, con propiedades antisépticas, cicatrizantes, rexenerativas e antioxidantes, úsase xa como base para produtos cosméticos, suplementos alimenticios e medicamentos. Actualmente, atópase en fase de patente e foi elixido no certame polo seu alto valor engadido, a súa aplicabilidade en múltiples sectores, a súa tecnoloxía propia e a súa formulación a partir de fontes renovables de proximidade.
O material resultante da alianza entre a empresa Misturas, Obras e Proxectos; o Centro Tecnolóxico Cetim; e o Grupo de Estradas, Xeotecnia e Materiais da Universidade da Coruña (UDC), foi o seleccionado no apartado de empresa-investigación. Trátase dun biopavimento alternativo ao asfalto convencional formulado a través dunha mestura bituminosa en frío aditivada con nanocelulosa. Este asfalto verde presenta un alto grao de sustentabilidade e valor engadido baseado nun sector clave para Galicia como é o forestal. Ademais, logra que o pavimento ofreza maior agarre e mellor resistencia á auga e teña menos fracturas e fendas.
Durante o evento de hoxe foi presentada unha publicación con entrevistas aos creadores e creadoras dos materiais seleccionados e finalistas. A finalidade deste monográfico é contribuír á difusión pública do esforzo que realizan profesionais, empresas e centros de coñecemento galegos no campo da I+D+i en materiais. No caso dos materiais seleccionados, obterán tamén un amplo informe elaborado por un equipo experto +–no que se analizarán todas as oportunidades do material no mercado, incluíndo as súas potenciais aplicacións a nivel multisectorial e a identificación de posibles partners–, ademais da súa promoción a través de exposicións e outros eventos.
Os asistentes ao acto de hoxe en Ferrol tiveron tamén ocasión de visitar a exposición Museu da Materia Viva, froito da colaboración da Xunta coa Porto Desing Biennale no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza.
A mostra, que se poderá visitar no CIS Tecnoloxía e Deseño durante todo o mes de novembro, ten como protagonistas os novos materiais creados en Galicia e o Norte de Portugal e a exploración das súas posibilidades nun proceso de cocreación con especialistas en deseño, expertos e a cidadanía.