O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá na Cidade da Cultura á xornada Unha RIS3 reforzada: construíndo xuntos a folla de ruta para 2021-2027 coa que a Xunta inicia un proceso participativo –no que colaboran máis de 240 axentes do sistema galego de innovación– para desenvolver a nova Estratexia de Especialización Intelixente neste período e que se agarda presentar a mediados do vindeiro ano.
Na súa intervención, o vicepresidente económico destacou a importancia de aproveitar de xeito intelixente a mobilización de fondos dos vindeiros anos e subliñou que Galicia está apostando pola coordinación á hora de deseñar a candidatura aos Next Generation, pero tamén na actualización da RIS3. Deste xeito, os obxectivos serán cumprir coas exixencias da UE para asegurar a correcta execución dos fondos, garantir o aliñamento dos proxectos tractores incluídos nos fondos europeos de recuperación, establecer prioridades para que estean en liña coas marcadas pola UE e asegurar a correcta coherencia, eficacia e impacto do conxunto de fondos e actuacións para conseguir unha transformación real do sistema produtivo e unha aposta clara pola sustentabilidade.
Tal e como avanzou Conde, a nova estratexia replanteará prioridades que se adecuen á nova situación, reformulará os instrumentos con novas fórmulas de colaboración
público-privada, fortalecerá a gobernanza e mellorará a coordinación.
Conde explicou que, desde a súa posta en marcha en 2014 –e a falta de sumar os investimentos de 2020– a RIS3 concedeu 1036M€ en axudas que mobilizaron investimentos de 1620M€, o que supón alcanzar o obxectivo marcado para este período. Ademais, nestes anos o gasto de I+D aumentou en Galicia un 32% ata os 627M€, a cifra máis alta da serie histórica. O investimento en I+D da lexislatura aumentou sete puntos por riba da media do Estado, destacando o investimento do ano pasado das empresas neste eido, que superou os 332 millóns. Por outra banda, incrementouse nun 18,3% o número de persoas que traballa neste ámbito ata alcanzar unha cifra histórica de persoas empregadas en I+D (11.085) co maior número de investigadores ata agora, un total de 6724.
FONTE: Xunta de Galicia