Galicia é unha rexión única en esencia, en fortalezas e en oportunidades. Temos todo o necesario para ser protagonistas a nivel nacional e continental, no curto, no medio e tamén no longo prazo. E temos ademais, unha vantaxe diferencial: sempre soubemos adaptarnos aos grandes cambios de ciclo, e agora estamos a piques de afrontar outro máis, que será determinante.
Neste 2021 e ata o 2027 Europa abre un período de redefinición de metas e obxectivos que será clave para o futuro común. Os galegos e as galegas temos a gran oportunidade de proxectar e decidir que queremos ser e a que queremos dedicar os nosos recursos durante os vindeiros anos e lustros. Noutras palabras, tomar decisións sobre onde queremos desenvolver o noso talento para xerar máis e mellores oportunidades de traballo para todos.
Europa inxectará no sistema das distintas rexións que a conformamos un importantísimo volume de recursos económicos para potenciar os sectores nos que cada un de nós pode aportar máis e facelo mellor. O nome da ferramenta a empregar é RIS3 (Estratexia de Especialización Intelixente), unha folla de ruta a presentar ante as autoridades europeas para mellorar Galicia. Ten que ser unha proposta potente, realista e viable na que podemos participar todos, desde as administracións e o tecido empresarial, ata as Universidades e a sociedade en xeral.
Todos os que queiran aportar poderán facelo a través das canles oficiais da Estratexia. É rápido, sinxelo e moi útil. Aquelas rexións que non o fagan ou que non lle outorguen a importancia que realmente ten este programa europeo, perderán un tren único para mellorar e multiplicar as oportunidades de emprego. Non pode ser o noso caso.
Os emprendedores e emprendedoras saberán identificar entón as profesións e os sectores con máis opcións. As empresas investirán e poderán ampliar ofertas de traballo e Galicia seguirá a subir enteiros en España e Europa.
Os obxectivos están claros: medrar, contratar, competir, exportar, ser cada vez máis sustentables… A sociedade será a primeira impulsora e a beneficiaria final de todo o relativo á RIS3. Galicia está xa na pista de despegue á espera da aterraxe dos fondos europeos, pero para iso hai que definir o noso proxecto colectivo. Para os seis anos que temos por diante a nosa gran meta actual é a de mirarnos no espello das nosas potencialidades e decidir onde queremos ser mellores.
Especializarnos profesionalmente, ampliar coñecementos, apostar por sectores innovadores, orientar aos nosos sobre que formación será máis útil ou identificar zonas e sectores onde haberá máis e mellores traballos é do que realmente estamos a falar. Temos que ter presente que este é o momento de sementar o futuro común. Todos e todas somos a clave e temos moito que aportar, para nós, para os que virán detrás e para Galicia. Úneste ao cambio da RIS3?