O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinala no I Foro de Emprendemento do Noroeste, impulsado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), que esta folla de ruta potenciará a transferencia de coñecemento ao mercado e prestará especial atención ao emprendemento feminino
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2022. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, adiantou hoxe, durante a súa participación no I Foro de Emprendemento do Noroeste, impulsado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) e Unirisco, que a Xunta de Galicia está ultimando a nova Axenda de Emprendemento. Tal e como informou Conde, a través desta folla de ruta articularanse medidas que eleven aquelas iniciativas empresariais que permiten dar a Galicia un plus en ámbitos como a innovación, a dixitalización ou a sostibilidade, prestando tamén especial atención ao emprendemento feminino.
No encontro celebrado hoxe en Santiago de Compostela, que pon o acento na relación entre universidade e empresa, o vicepresidente económico sinalou que nesta nova Axenda as políticas de transferencia de coñecemento van seguir sendo parte de todos os instrumentos de apoio á innovación, apuntando que unha das súas prioridades será incrementar a interacción entre as empresas e centros de coñecemento para que de aí xurda a semente de novos proxectos e empresas innovadoras.
Neste sentido, lembrou que Galicia conta xa cun modelo que busca crear redes de colaboración entre o tecido empresarial, a Administración e todos os axentes que conforman o sistema galego de I+D+i, para fortalecer a capacidade científico-tecnolóxica e incrementar a produtividade e a competitividade dos sectores económicos a través da colaboración aberta. Así é como se está tratando de incentivar un cambio cultural a favor do emprendemento innovador, para aumentar a innovación empresarial, así como o número de empresas que realiza ou está implicada en proxectos innovadores.
Neste eido, Conde lembrou que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, puxo en marcha hai seis anos un programa de axudas pioneiro para favorecer o despegue de proxectos científicos con potencial innovador e de mercado, o programa Ignicia, a través do cal se apoiaron 23 iniciativas, cun investimento que ascende a case 14 millóns de euros, e que ten permitido a creación de 67 empregos de alta cualificación nas 9 spin-off constituídas, firmando 10 acordos de licencia.
Esta iniciativa forma parte do modelo de apoio ao emprendemento innovador que busca crear espazos de interacción e cooperación entre as empresas e os centros de coñecemento, co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de proxectos de emprendemento en fases temperás e promover a creación de empresas de base tecnolóxica. Así se está a facer a través de programas como o Ignicia e tamén a través da rede de aceleradoras especializadas en torno a sectores prioritarios para a economía galega ou os 11 espazos de coworking que se van desenvolver este ano.
Crear sinerxías a través do talento
Na súa intervencion, o responsable de Economía, Empresa e Innovación asegurou que Galicia sairá fortalecida do actual contexto de recuperación porque ten un ecosistema de I+D+i consolidado e aberto á sociedade e ao tecido económico. A clave, segundo sinalou, está en crear sinerxías e aliñar obxectivos, apuntando que a fórmula está no talento, apoiando aos emprendedores.
Remarcou tamén Conde que é fundamental conectar empresas e universidades porque a investigación universitaria xera coñecemento, e pode dar lugar a empresas de alto valor engadido que demandan profesionais de alta cualificación que se forman nas facultades; esta relación é un círculo permanente polo que hai que apostar máis que nunca.
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación sinalou que sempre haberá marxe de mellora para que Galicia poida crecer sobre a base do coñemento, o talento e a innovación, e a tarefa da Xunta será que a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que guiará as prioridades e instrumentos de apoio á I+D+i no novo marco financeiro, se faga eco delas.