“Trátase de utilizar as novas tecnoloxías para poder desenvolver un control da calidade das augas e xestionar de forma máis eficiente os nosos recursos hídricos”, explica Conde
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presentou hoxe o proxecto EDAR 360, apoiado pola Xunta a través do programa Conecta Hubs, da Axencia Galega de Innovación (Gain), que ten como obxectivo levar as vantaxes da intelixencia artificial aos procesos de depuración de augas residuais. “Trátase de utilizar as novas tecnoloxías para poder desenvolver un control da calidade das augas e xestionar de forma máis eficiente os nosos recursos hídricos”, explicou Conde.
Neste proxecto, coa Xunta, colaboran as empresas Viaqua, Ednon e Syspro Automation, ademais do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e o Concello de Santiago, que se desenvolverá ata 2023 nas localidades de Santiago, Ourense e Pontevedra. Conta cun orzamento de preto de 1,1 millóns de euros aos que a Administración galega achega o 52 por cento (máis de 562.000 euros) a través do programa Conecta Hubs.
Esta liña de axudas foi lanzada en 2021 para apoiar proxectos colaborativos nas áreas de traballo dos Hubs de innovación dixital de Galicia considerados como estratéxicos: DATAlife, orientado ás cadeas de valor dos sectores primario, biotecnolóxico e da saúde; e DIHGIGAL, centrado na industria galega, e impulsado polas cadeas de valor do naval, automoción, alimentación e TIC.
Trátase de que poidan poidan avanzar na súa especialización e consolidación interrexional a nivel da Unión Europea e fortalecer o seu posicionamento na futura rede europea. Nese sentido, na actualidade son os 11 proxectos financiados a través do programa Conecta Hubs, no que participan 45 empresas, na súa maioría pemes, mobilizando un investimento próximo aos 10M€, aos que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, destina 6,4M€.
A dixitalización en xeral e o uso da intelixencia artificial ofrecen ao sector unha oportunidade de mellora competitiva e de redución do impacto ambiental. E, nese sentido, esta iniciativa busca avaliar a aplicabilidade desta tecnoloxía ao control e optimización de procesos nas EDAR, á definición de estratexias de supervisión e ao control das plantas de depuración de augas residuais a través de patróns de comportamentos de usuarios, sistemas, nodos e outros compoñentes.