O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) con motivo da instalación do novo supercomputador Finisterrae III
Explica que este proxecto aspira aos fondos europeos Next Generation cun orzamento de máis de 154M€
Apunta que o Cesga será o nodo principal do Polo de Tecnoloxías Cuánticas que ten por obxectivo crear en Galicia un espazo para o desenvolvemento de software cuántico e para dar pulo á I+D+i neste ámbito
O Finisterrae III, que conta cun investimento de 7M€ por parte da Xunta e o CSIC, multiplica por 12 a capacidade de procesamento e incorpora un simulador de computación cuántica que é o primeiro da súa clase en España
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que o novo supercomputador do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), o Finisterrae III, supón unha infraestrutura básica para a posta en marcha do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, que aspira aos fondos europeos Next Generation cun orzamento de máis de 154M€.
Nunha visita ao Cesga para coñecer este novo equipamento, Conde destacou que Galicia avanza na era dixital dotándose de infraestruturas de vangarda como o Finisterrae III, que fan do Cesga un socio tecnolóxico fundamental para o ecosistema galego de I+D+i e os sectores estratéxicos da nosa economía. Non en van, será o nodo principal do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, que disporá tamén dunha antena en Vigo e outra no Polo Aeroespacial de Rozas, e que ten por obxectivo crear en Galicia un espazo para o desenvolvemento de software cuántico e para dar pulo á I+D+i neste ámbito.
En cifras, este superordenador, que conta cun investimento de 7M€ por parte da Xunta e o CSIC, permitirá resolver 4.000 billóns de operacións matemáticas por segundo, o que supón multiplicar por 12 a capacidade do Finisterrae II. Disporá dunha memoria total que case triplica a dispoñible actualmente. E incorpora un simulador de computación cuántica que é o primeiro da súa clase en España (30qbits). Polo tanto, dixo Conde, vai ser unha ferramenta fundamental para que os grupos de investigación, os centros tecnolóxicos e o tecido empresarial galego afonden na dixitalización coa incorporación de técnicas como a intelixencia artificial, o big data ou a analítica de datos.
En concreto, o Finisterrae III vai permitir aos grupos de investigación das universidades galegas e do CSIC plantexar proxectos de I+D+i máis ambiciosos que co anterior equipamento non poderían ser abordados. E, de igual xeito, ter acceso a tecnoloxías de computación cuántica a través do simulador que incorpora este ordenador, fará posible que o ecosistema galego de I+D+i se posicione con vantaxe neste ámbito. Deste xeito, toda esta potencia de cálculo dará resposta a infinidade de demandas técnico-científicas e beneficiará a sectores tan diversos como a bioloxía, a medicina, o medio ambiente, as finanzas, a aeronáutica, as telecomunicacións, a automoción ou a loxística.
En 2020, o Cesga prestou servizo a 692 investigadores das tres universidades galegas e do CSIC e fixo posible que se levaran a cabo 144 proxectos de I+D+i que mobilizaron 143M€. Agora, grazas ao novo computador Finisterrae, os grupos de investigación que empregan as infraestruturas do Cesga poderán abordar problemas de maior envergadura, en menor tempo e con maior resolución. Son, por exemplo: Meteogalicia; a Fundación Pública de Medicina Xenómica; a Plataforma Innopharma (USC), coa que colabora a Xunta e que traballa no descubrimento temperán de fármacos; empresas como Finsa, ou as tres universidades galegas.
Conde dixo que a Xunta está facendo “un seguimento puntual” desta infraestrutura porque é “unha infraestrutura básica” polas prestacións que ofrece aos ecosistema de I+D+i e ao tecido empresarial porque as novas tecnoloxías dixitais precisan cada vez dunha maior velocidade de procesamento e dun maior almacenamento de datos.
Neste sentido, amosouse convencido de que o Cesga, que é un centro misto entre a Xunta de Galicia e o CSIC, poida obter o financiamento necesario cando o Goberno estableza cales son os criterios de reparto dons fondos Next Generation e cal é a intensidade da axuda. E, na mesma liña, remarcou o compromiso da Xunta con este centro que definiu como “o corazón das novas tecnoloxías” en Galicia.