Son dous factores clave da competitividade das empresas e, por tanto, da recuperación económica, segundo apuntou Patricia Argerey
A Administración apoia esta transformación a través de programas como Fábrica Intelixente e Sostible, o Programa de impulso á innovación nas pemes, os Hubs de Innovación Dixital ou a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021. A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na xornada en liña Competitividad y digitalización: una hoja de ruta para nuestra industria organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).
Argerey sinalou que o proceso de reactivación económica no que nos atopamos debe ir acompañado da transformación do tecido produtivo, para facelo máis dixital e sostible e, deste xeito, avanzar cara un crecemento sostido no tempo. Neste senso, apuntou que a dixitalización e a transición ecolóxica son factores clave para impulsar a competitividade das empresas e, por tanto, a recuperación económica. E, neste contexto, a Administración seguirá estando ao lado das empresas para apoialas. De feito, a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3) terá entre as prioridades das futuras políticas de I+D+i tres eixos: a sustentabilidade, a dixitalización e as persoas.
Esta transformación non é unha novidade, xa que a anterior RIS3 para o período 2014-2020 xa incluía como un dos tres retos avanzar cara un novo modelo industrial baseado na innovación. Entre as medidas de impulso á transición cara a Industria 4.0 ou fábrica intelixente, a directora da Axencia sinalou o programa Fábrica Intelixente e Sostible, que persegue impulsar o avance cara un modelo sustentable de competitividade e que, a través das súas catro convocatorias, apoiou 25 proxectos cun investimento público de 66,7 millóns de euros e unha mobilización de 258 millóns de euros. Ademais, sinalou algunhas iniciativas do Igape como os centros de fabricación avanzada, os talleres e axudas á dixitalización, maquinaria 4.0 ou os proxectos agrupados Industria 4.0 postos en marcha no marco da Axenda da Industria 4.0.
DIXITALIZACIÓN DAS PEMES
A directora da Axencia destacou que a dixitalización non concerne soamente ás grandes empresas, senón que é aínda máis relevante para as pemes, cuxo acceso aos recursos necesarios para dixitalizarse é máis complicado, polo que precisan un apoio integral neste proceso. Por iso, desde a Xunta de Galicia púxose en marcha o Programa de impulso á innovación nas pemes, que ten como obxectivo promover a innovación entre as pequenas e medianas empresas para contribuír á súa competitividade e que inclúe entre as actuacións previstas achegar a innovación ao territorio; formación específica; novas liñas de apoio; e a creación dun Observatorio da Innovación.
Por último, Patricia Argerey explicou a Estratexia Galega dos Hubs de Innovación Dixital como a canle máis rápida e eficiente para que as pemes aborden con éxito a súa dixitalización e na que a Xunta de Galicia leva investidos 28,8 milllóns de euros. Os Hubs galegos de innovación dixital están chamados a ocupar un lugar único no ecosistema de innovación galego e funcionan como fiestras únicas de acceso ás tecnoloxías punteiras e demais ferramentas necesarias para a transformación dixital das pemes. Estes novos instrumentos están aliñados co programa Europa Dixital da Comisión Europea, dotado con 7.600 millóns de euros.
No marco desta Estratexia, téñense lanzado dúas liñas de apoio a proxectos de I+D+i aliñados cos obxectivos dos Hubs: Conecta Hubs e Conecta Covid, co obxectivo de facilitar a transición dixital das pemes galegas e avanzar na especialización do tecido produtivo, mellorando deste xeito a competitividade e reforzando a capacidade da economía galega para afrontar a recuperación.