As axudas do programa Conecta Hubs, dirixidas especialmente a pequenas e medianas empresas, contribuirán a fortalecer a base económica de Galicia e impulsar un tecido produtivo máis dixitalizado, innovador e sustentable, mellorando a súa competitividade
Permitirán a xeración ou mantemento de 220 empregos de alta cualificación na Comunidade, xa que na execución das iniciativas participarán profesionais das TIC e expertos en I+D+i
Mobilizaranse preto de 10 millóns de euros, implicando a 45 empresas galegas, das cales 39 son pemes e 6 grandes compañías que xeran un efecto tractor
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2021. No marco do programa de axudas Conecta Hubs, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina 6,4 millóns de euros a promover 11 proxectos de I+D+i en proceso ou organización e de innovación en produto. Trátase dunha iniciativa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 e orientada a promover accións colaborativas desenvolvidas por agrupacións de empresas nas áreas de especialización dos hubs de innovación dixital estratéxicos para a Comunidade e apoiados polo Goberno galego (Dihgigal e DATAlife).
Estas axudas, dirixidas especialmente a pemes, permitirán o desenvolvemento de oito novos proxectos de I+D+i, que contarán cunha axuda de 5,6 millóns de euros, e tres proxectos de innovación en produto, financiados con 800.000 euros. O desenvolvemento destas 11 iniciativas mobilizará un total de 9,8M€, ao sumar a estes apoios autonómicos 3,4 millóns de financiamento privado.
Nos proxectos están implicadas 45 empresas, das cales 39 son pemes e seis grandes compañías cun importante efecto tractor. A metade das firmas que liderarán e executarán os proxectos (22 das 45) pertencen ao sector das TIC. Outros ámbitos implicados nas iniciativas son o da automoción, alimentación, pesca e acuicultura, o gandeiro, o forestal e o téxtil.
En total, 33 empresas están englobadas na área de especialización de Dihgigal, que aglutina as cadeas de valor das TIC, alimentación, automoción e o naval. No marco deste hub de innovación dixital se desenvolverán oito dos 11 proxectos. As outras tres iniciativas e 12 empresas participantes están vinculadas a DATAlilfe, ao que pertencen as cadeas de valor da saúde, biotecnoloxía, forestal e agro-mar alimentación.
Segundo a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, o desenvolvemento destes proxectos “contribuirá a fortalecer a base económica galega e a impulsar un tecido produtivo máis dixitalizado, innovador e sustentable, mellorando a competitividade das pemes e consolidando aos hubs de innovación dixital de Galicia como importantes pancas de progreso”. “O gran interese que espertou esta convocatoria e o alto nivel dos proxectos presentados fainos pensar que o proceso de transformación das empresas galegas cara a un modelo máis próspero está xa en marcha”, engadiu.
O desenvolvemento destes proxectos fomentará ademais a xeración e consolidación de emprego de alta cualificación, xa que na súa execución participarán 220 profesionais das TIC e expertos en innovación e dixitalización.
Atendendo á localización xeográfica das empresas que liderarán e executarán os proxectos, 19 das 45 compañías desenvolverán a súa actividade na provincia de Pontevedra, 16 na da Coruña, seis en Ourense e catro en Lugo.
Proxectos seleccionados
Os oito novos proxectos de I+D+i seleccionados para ser impulsados pola Xunta de Galicia a través dunha axuda total de 5,6M€ son:
– SARATROF (Sistema Analítico do Rendemento Agregado de Traballadores Robots en Operacións de Fabricación): unha ferramenta analítica para caracterizar o rendemento das factorías considerando de forma agregada o comportamento dos robots, as máquinas e os propios traballadores, co obxectivo de incrementar a competitividade da produción.
– SLP4P: unha plataforma intelixente orientada a dixitalizar a maquinaria industrial a través de distintas tecnoloxías, especialmente da implicación da intelixencia artificial, o que incrementa o seu ciclo de vida útil e favorece a sustentabilidade.
– REPLAY: un proxecto ideado para xerar a primeira solución integral de reciclaxe de poliamidas procedentes de diversos sectores industriais, dándolles un novo uso de valor engadido. A primeira experiencia realizarase no entorno da industria aeronáutica, contando co apoio estratéxico da iniciativa de Airbus.
– COMPORT: unha plataforma software industrial baseada no paradigma da internet das cousas para a industria, na que o uso de ferramentas e tecnoloxías de intelixencia artificial e machine learning permita a optimización de procesos industriais coas comunicacións en tempo real como vehículo para unha toma de decisións efectiva.
– Plataforma APTC: enfocada á modernización e dixitalización dos procesos de analítica de produto e consumidores no punto de venda final e dirixida particularmente á industria alimentaria, o obxectivo é obter información acerca do comportamento de compra.
– EDAR 360: orientado a investigar sobre a aplicación da intelixencia artificial na optimización dos procesos de depuración de augas residuais de cara a mellorar a competitividade e reducir o impacto medioambiental.
– MILKCHAIN: un sistema de trazabilidade certificada en industria e vinculada á cadea de valor de Leche Río que permita, non só garantir a orixe da leite en canto aos diferentes parámetros de calidade, senón tamén a trazabilidade continuada do produto incluíndo o proceso de fábrica.
– SERSBIOTech: un sistema de internet das cousas de detección automática de patóxenos na auga mediante intelixencia artificial, biotecnoloxía e integración tecnolóxica nano SERS para a prevención e control de brotes infecciosos en explotacións acuícolas.
PROXECTO | PARTICIPANTES | AXUDA CONCEDIDA |
SARATROF | Ednon (líder da iniciativa) | 998.402,51 € |
Situm Technologies | ||
Ledisson A&IT | ||
Grupo Tecnológico Arbinova | ||
Ancora Mobile | ||
SLP4P | Inovalabs Digital (líder da iniciativa) | 547.605,86 € |
Xoia Software Development | ||
Ti Group Automotive Systems | ||
Meifus Industrial | ||
REPLAY | Utingal (líder da iniciativa) | 410.329,42 € |
Mss Seidor | ||
Moveratus | ||
Enso Innovation | ||
Ecoplas Barbanza | ||
COMPORT | Quobis Networks (líder da iniciativa) | 784.874,99 € |
Torus Software Solutions | ||
Soluciones y Proyectos de Información | ||
Situm Technologies | ||
Electricidad y Contratas Edison Galicia | ||
Plataforma APTC | Redegal (líder da iniciativa) | 376.618,45 € |
Sistemas Audiovisuales Itelsis | ||
Reclam, Publicidad, Marketing y Artes Gráficas | ||
Cooperativas Ourensanas, Soc. Cooperativa Galega | ||
EDAR 360 | Viaqua, Gestión Integral de Aguas de Galicia(líder da iniciativa) | 562.474,96 € |
Syspro Automotion | ||
Ednon | ||
MILKCHAIN | Grupo Leche Rio (líder da iniciativa) | 949.189,29 € |
Ps Vet Dairyquality | ||
Proymaes | ||
Innogando | ||
Himikode Tech | ||
SERSBIOTech | Sistemas Audiovisuales Itelsis (líder da iniciativa) | 966.433,52 € |
Soluciones y Proyectos de Información | ||
Mestrelab Research | ||
Lincbiotech | ||
Galician Marine Aquaculture | ||
AXUDAS TOTALXUNTA DE GALICIA | 5.595.929 € |
Os tres proxectos de innovación en produto seleccionados polo Goberno galego suman axudas por valor de 800.000 euros:
– SMARTGECKO: un sistema baseado no entorno e-commerce encamiñado á optimización do proceso de picking ou preparación de pedidos que acontece nos procesos loxísticos relacionados co procesamento de ordes nos almacéns.
– BIKENTA–MPLUS: unha ferramenta dixital para a promoción, simplificación e mellora da xestión sostible dos montes de maior superficie de Galicia.
– LIBATIO: un proxecto co obxectivo de achegar a transformación dixital ao sector vitivinícola mediante a monitorización en tempo real da etapa de maduración do viño a través dun sistema de sensorización formado por un tapón intelixente; control das barricas de madeira cunha tapa intelixente; control dos depósitos de aceiro e un dispositivo de sensorización ambiental, a predición da calidade do viño ao final do proceso de maduración, así como a estimación da porcentaxe de perdas derivadas da evaporación de viño no interior das barricas, e a simulación da fase de fermentación do viño, permitindo controlar a evolución dos substratos e a calidade do produto ao final do proceso.
PROXECTO | PARTICIPANTES | AXUDA CONCEDIDA |
SMARTGECKO | Galvin Tecnologica – Galvintec (líder da iniciativa) | 248.022,65 € |
Amodo Soluciones Sociedad Limitada | ||
SIMER-Grumerosa | ||
BIKENTA-MPLUS | Enxeñería Forestal (líder da iniciativa) | 200.524,08 € |
Madera Plus Calidad Forestal | ||
LIBATIO | Viña Costeira S Coop Galega (líder da iniciativa) | 356.458,58 € |
Nova Industria Galega | ||
Indominus As | ||
Sparks, Circuits and Robotics | ||
AXUDAS TOTALXUNTA DE GALICIA | 805.005,31€ |