Conde salienta que o deseño xoga un papel transformador na competitividade empresarial e no benestar social
Subliña que o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 busca xerar un ecosistema galego de deseño e innovación orientado ao desenvolvemento económico de Galicia
Apunta que a convocatoria de axudas do programa DeseñaPeme, con apoios de entre 5000 e 100.000 euros para que pemes e microempresas incorporen o deseño, recibiu 80 solicitudes
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a Marca Galicia é o reflexo e o resultado do esforzo que está a facer o tecido empresarial galego por incorporar a innovación e o deseño como valor engadido aos seus produtos e servizos.
Durante a súa intervención no IX Encontro Nacional de Deseño, en Santiago de Compostela, Conde destacou que o deseño xoga un papel transformador na dixitalización, a competitividade empresarial, o benestar social e o reto climático. É unha expresión de talento, abondou, que marca a diferenza nos produtos e servizos que unha empresa ofrece, tanto desde o punto de vista tecnolóxico ou creativo como en termos de sustentabilidade e benestar.
Neste contexto, o vicepresidente económico puxo de relevo algunhas das conclusións do estudo sobre a economía do deseño en Galicia elaborado pola Asociación Galega de Deseño en colaboración coa Axencia Galega de Innovación. Destacou, así, que un 67% das empresas en Galicia contan con profesionais do deseño e máis do 50% ten un departamento propio. Tamén se desprende que o 83,5% ten intención de investir en deseño nos vindeiros tres anos e que o 80% das empresas na comunidade prefire traballar con profesionais galegos por proximidade, confianza, calidade e coñecemento.
Segundo dixo, son datos reveladores que demostran que o tecido empresarial galego é cada vez máis consciente de que o deseño achega valor engadido á súa actividade produtiva, e de como é unha ferramenta indispensable para conseguir un equilibrio entre desenvolvemento e sustentabilidade.
Baixo esa premisa, engadiu, o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza, ten por obxectivo impulsar o deseño en todo o tecido económico pola súa versatilidade á hora de crear valor, potenciar a produtividade e o acceso a novos mercados. Trátase de xerar un ecosistema galego de deseño e innovación orientado ao desenvolvemento económico de Galicia.
Conde apuntou que, no marco deste programa, a Xunta puxo en marcha unha liña de axudas específica —DeseñaPeme— para que microempresas e pemes incorporen o deseño como ferramenta para ser orixinais, máis innovadoras e sustentables. Unha convocatoria de apoios que recibiu 80 solicitudes, o que amosa o interese que esperta este programa, que conta con axudas que oscilan entre os 5000 e os 100.000 euros.
O vicepresidente económico destacou que o reto agora é que Galicia, como marca, transmita esa calidade ligada á innovación e ao deseño certificados co selo Galicia Calidade.